Seleccionar página

A TORRE DE CALDALOBA

Preto de onde eu vivo, álzase entre unha espesura natural unha fortaleza de orixe medieval que para sempre ficará inserida no fío temporal da historia de Galicia. Estou a falar da Torre de Caldaloba ou de Vilaxoán, situada na parroquia de Pino, pertencente ao concello lucense de Cospeito. Trátase da torre de homenaxe dun castelo de época medieval (hai quen data a súa construción en pleno século XIII. A torre ao longo da súa dilatada existencia sufriu numerosos asedios e saqueos.

Os sendeiros da  historia quixeron que por estas terras andase o Mariscal Pardo de Cela, aquel nobre galego que era partidario da infanta Xoana a Beltranexa, a cal tras morrer o seu pai, Henrique IV de Castelá, tentou disputarlles o poder aos mesmos Reis Católicos. A adhesión do Mariscal díscolo pola infanta, tamén rebelde, conduciuno até a súa terrible morte polo método da decapitación, acontecida na praza da catedral de Mondoñedo, aló polo 3 de outubro de 1483. Despois do funesto pasamento de Pardo de Cela, a súa filla Constanza de Castro xunto ao seu esposo, Fernán Arias de Saavedra, refuxiáronse na mesma Torre de Caldaloba, onde tiveron que aguantar as turradas das tropas enviadas polos Reis Católicos. A súa resistencia, case numantina, chegou ao seu fin cando a auga do alxibe se corrompeu. Por desgraza para eles, fóra agardábaos o xefe dos inimigos, o gobernador de Galicia don Diego López de Haro.

Tempo despois destes cruentos sucesos, a torre foi abandonada. E, aínda sendo declarada Ben de Interese Cultural en 1994 e pasar a integrarse dentro do dominio do Patrimonio Histórico  de España, dita fortaleza padeceu, amodo, a inclemencia dos dentes do esquecemento, impulsado pola desidia do ser humano, que conseguiron consumar o seu sutil e ominoso traballo, deixando hoxe á vista de todos un vergoñento e ruinoso estado de conservación desa torre que noutrora alimentou os alicerces da historia de Galicia. Oxalá fose outra a actitude da xente e das propias administracións, que deberían de velar por mantela activa e en condicións propicias para gozo de todos aqueles que quixesen visitala e revivir coa imaxinación os episodios históricos acaecidos nas súas entrañas de pedra. Mais dita actitude non se fortalece co mesmo vigor que o daquela lenda que fala da existencia dun túnel que comunica a Torre de Caldaloba co pazo homónimo que se distancia dela uns poucos metros. O ser humano sempre foi máis propenso a conservar a literatura das lendas (que tamén se debe facer) que a soster en pé os exemplos visibles que conforman a súa historia.

A TORRE DE CALDALOBA

Por Martiño Maseda Lozano

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies,

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pin It on Pinterest

Shares