En canto ao sector Servizos do Concello de Cospeito, temos que dicir que conta con todo tipo de servizos para a atención á comunidade e ós seus visitantes. Dispón de tódolos servizos de saúde, alimentación e turismo gastronómico. Resaltar a calidade de tódalas súas casas de comidas e aloxamento, cun gran abano de propostas gastronómicas, tendo en conta un dos sectores potenciais da comarca como é a gandería.
En canto ás feiras, unha das máis importantes é a do “Porco da Ceba” que se celebra o último domingo de Novembro, que xa pasou con éxito as súas vodas de prata no 2003. A mostra exposición de Muimenta “Moexmu” é outro dos pratos fortes deste municipio, este evento mantén o único concurso de gando de toda a provincia, cumprindo 30 anos no 2014 coa forza que imprimen os seus veciños que pese ao paso do tempo seguen mantendo a mesma ilusión que ó principio. Pegada a esta feira e co fin inicial de recadar fondos para ela, nace a Festa da Filloa que a día de hoxe xa é un acontecemento independente, unha cita máis no calendario festivo do municipio. Precisamente, en 2008 estreou o título de “Festa de Interese Turístico de Galicia”, sendo a única do municipio que pode presumir deste distintivo, aínda que tamén aspira a ser recoñecida como de interese Nacional.