A Pastoriza tén para todos os seus habitantes e visitantes un amplo abanico de servizos e festas, nas que cabe destacar o singular espectáculo que reproduce a loita ancestral do home contra o cabalo, e que se desenvolve na bela e brava paraxe do Campo do Oso -ou Campodoso-, aos pés do Monte de Carracedo, valgada que comparten as parroquias de Bretoña (A Pastoriza) e Santa María Maior (Mondoñedo). O ritual da Rapa das Bestas consiste en marcar e rapar os cabalos que viven en estado salvaxe, sendo unha tradición de remotas orixes e que hoxe en día se converteu nunha festividade cultural e turística de gran vistosidade e valor etnográfico. Así, unha vez ao ano os homes da zona guían aos cabalos e eguas salvaxes (bestas) ata un recinto valado no monte (o curro), onde os “agarradores” loitan cos cabalos a forza bruta ata conseguir reducilos, ca fin de cortarlles as crinas e marcalos a lume. Unha vez que remata o ritual, os animais son postos novamente en liberdade. A xornada comeza pola mañá cedo co encerro do gando, seguida da rapa, doma e marcado dos cabalos, celebrándose tamén as loitas de garañóns. Cara o mediodía, despois da solta do gando novamente ao monte, ten lugar unha comida campestre que inclúe degustación gratuíta de carne de poldro. A xornada complétase pola tarde con xogos ecuestres como doma e carreiras, actuacións musicais, sorteo dun poldro e entrega de premios.
Outra festa curiosae a Festa Celta do Lugnasad en Bretoña.
Data: primeiro venres do mes de agosto.
Dende 1996, e de forma ininterrompida, vense celebrando en Bretoña a que xa é todo un referente dentro das festas de temática céltica de Galicia, un festival en honor ao deus Lug no que o principal obxectivo é revivir por un día a maxia da cultura celta. O evento celébrase no Coto da Auruxeira, nun espeso bosque a carón do río Miñotelo situado moi preto da vila de Bretoña. Á cita achéganse tanto veciños coma visitantes ataviados con roupa e utensilios da época para rememorar tempos pasados, e o entorno acondiciónase para a ocasión, no que non faltan incluso as vivendas celtas feitas de madeira e teitadas de xestas e piornos. A xornada inclúe unha gran cantidade de actividades como exhibicións e representacións teatrais, xogos celtas, mercado, comidas, celebración de vodas polo rito celta, degustación e conxuro da queimada, e concertos de música tradicional, incluíndo tamén xornadas de exposicións e conferencias sobre a cultura celta.