Nace o Miño en Fonte Miña ou Fonmiñá- que dicimos os galegos. Pero a súa verdadeira orixe é aínda misterio, que non hai aquí fonte, senón lagoa que reflicte unha bela paraxe de prolixo tapiz vexetal onde se respira a atmosfera húmida da típica gándara galega.
Fonmiñá, na Pastoriza, o sempre aprendido nacemento do pai dos ríos galegos, o río Miño. En Fonmiñá aínda é adolescente, queda moito por crecer, por viaxar e por ver. Este é ata hai pouco o único quilómetro cero recoñecido ao Miño. Unha pequena lagoa de 3500 metros cadrados rodeada de alisos e bidueiros, e un manancial de auga mineral.
Multitude de excursionistas visitan o maior brote de auga natural de Galicia. Ben. Ata aquí a historia oficial, a máis coñecida, o Miño nace, brota, en Fonmiñá. E se a lagoa de Fonmiñá fose tan só un afloramiento do seu caudal, unha suxestión cárstica, se hai que poñerse científico? E se o Miño en Fonmiñá xa tivese percorrido 6 quilómetros? E se nacese no Pedregal de Irimia no veciño concello de Meira?
É un espertar ao mundo máis tumultuoso e salvaxe sen dúbida. Hai unha lenda de resonancias bíblicas segundo a cal se converteron en pedras os homes dunha raza maldita e pecadora que esperaba un renacemento coa purificación das augas xuvenís.
Hai un dato irrebatible: o percorrido do noso gran río é Reserva da Biosfera, e a visita ao seu nacemento e ó seu curso, ben pode pararse un pouco nalgúns dos encantos dos seus dous posibles pais: Meira, e A Pastoriza. En ámbolos a auga é fundamental porque das súas serras parten outros ríos e regachos.
Na Pastoriza a paisaxe é de transición entre a montaña e a chaira lucense. A súa gran contribución artística vai máis aló no tempo que o cenobio románico de Meira. A parroquia de Bretoña é en si unha homenaxe aos castros celtas, e a posterior herdanza xermana.