Select Page

O intenso aproveitamento eólico desta pequena cordilleira de interposición entre a costa cantábrica e os interiores da Terra Chá delata a presenza constante do vento. Entre eles a xistra, ese golpe de vento húmido e xélido que aquí varre os cumes sen máis amparo que a roca espida dalgúns picos.

O macizo setentrional está formado polo Xistral co punto máis elevado en O Cadramón (1.062 m), os montes da Toxiza (832 m) e os da Carba (908 m). Ademais do vento, tamén son o reino da néboa. Atrapan as nubes cargadas que deixan todos os anos cantidades significativas de precipitacións. A pesar da proximidade do mar, non son raras as nevaradas invernais. A auga deposítase nas chairas elevadas encharcando os pastos naturais e creando extensos depósitos de turba. Son as turbeiras de cobertor que popularmente reciben o nome de barreiras, marisma ou lago. Por exemplo, nos lugares das Barreiras do Lago, Lagoa das Furnas, Tremoal da Charca de Santa Cruz…

Os principais ríos que teñen a súa cabeceira nestas montañas son o Eume, na vertente atlántica, e o Landro, Ouro e Masma, na cantábrica. Os cabalos salvaxes en liberdade son unha imaxe frecuente nesta serra.

Os complexos de turbeiras e breixos húmidos reveláronse como os maiores reservorios de carbono da Europa tépeda, conformando por tanto unha peza crave na estratexia de loita contra o cambio climático. No NO da península ibérica, as serras setentrionais de Galicia constitúen o sector máis occidental da Cordilleira Cantábrica. O núcleo central deste complexo está conformado pola serra do Xistral, cuxa área cuminal está configurada por amplas extensións de ecosistemas higroturbosos. A información multidisciplinar dispoñible permite coñecer de forma detallada e correcta a dinámica, tipoloxía e cartografía dos sistemas de turbeiras existentes. En base a estes datos, no traballo avalíase o contido de carbono almacenado nos diferentes ecosistemas, así como a dinámica do reservorio durante o últimos dez mil anos. Os datos obtidos reflicten que o reservorio de carbono no sistema de turbeiras da serra do Xistral ascende a 8,6 106 Tn, convertendo ao territorio estudado nun dos maiores reservorios de carbono do SO de Europa. Os valores máximos de extensión do sumidoiro relaciónanse co óptico climático do Holoceno (ao redor de 5.000 BP), posteriormente, os cambios climáticos provocaron unha perda de superficie de turbeiras activas. Máis recentemente as transformacións antrópicas, fixeron minguar a súa capacidade de almacenamento, convertendo ademais áreas de sumidoiro en fontes de carbono.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies,

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pin It on Pinterest

Shares